lunes, 13 de abril de 2020

Proxecto de Ciencias Sociais: planificamos!

Bo día! Como sei que vos motiva moito máis aprender mediante proxectos que con actividades de libro e libreta (e a min tamén), explícovos por aquí o que teredes que facer (este traballo non é voluntario e é para nota). Vou poñer unha serie de preguntas e vós poderedes facerme máis nos comentarios.

PROXECTO DE CIENCIAS SOCIAIS

1. COMO SERÁ AVALIADO?
  • Este proxecto servirá para obter dúas notas: unha de CIENCIAS SOCIAIS e outra de LINGUA GALEGA (polo que deberá estar escrito en galego).
  • Ao longo desta semana subirei ao blog dúas rúbricas (unha para cada asignatura) mediante as cales avaliarei os vosos proxectos. Unha rúbrica é unha táboa que indica que aspectos vou ter en conta para avaliar e en que maneira os vou valorar (algo así como os distintos aspectos que teño en conta nas descripcións).

2. QUE TEÑO QUE FACER AO LONGO DESTA SEMANA (do 13 ao 17 de abril)?
  • Cubrir e mandar, dándolle a enviar, o cuestionario do bosquexo que vos inclúo baixo estas instruccións (non esperedes ao último día para entregalo, pois non teredes a oportunidade de melloralo).
  • Enviareivos o bosquexo corrixido e con aportacións e consellos para orientar o voso proxecto.

3. CAL É A DATA LÍMITE DE ENTREGA DO PROXECTO XA REMATADO?
  • O XOVES 30 DE ABRIL.
  • É moi recomendable envialo antes da data, pois a seguinte semana mandarei traballo de matemáticas. Ademais, mentras esteades entregando antes do 30, poderei corrixirvo as veces que sexan precisas e así poder obter mellor nota. 
  • IMPORTANTE: trátase da data límite de entrega do proxecto, non é a data na que vos mandarei as vosas notas do proxecto.


4. COMO ESCOLLO O TEMA DO TRABALLO?
Deberá estar relacionado con algún dos temas seguintes:
  • Calquera a elixir entre os termos do glosario do libro "La gran fuga del abuelo".
  • Algún que estea relacionado cos temas xa traballados neste curso en CIENCIAS SOCIAIS:
    • TEMA 1. O ESPAZO: o Universo, o Sistema Solar, a Lúa e a Terra, os movementos terrestres, os movementos da Lúa...
    • TEMA 2: O CLIMA: as zonas climáticas, as paisaxes segundo o clima...
    • TEMA 3: XEOGRAFÍA: podedes optar por un continente, un país, unha comunidade autónoma ou provincia española e facer o traballo sobre ela. Tamén poderedes facer o proxecto sobre os océanos (non animais, pois xa sería un tema de ciencias naturais, que faremos máis adiante) ou sobre o relevo físico e de costa español.
  • Calquera outro tema que se vos ocorra e que poida estar relacionado con todo o anterior, preguntádesme e vemos a maneira de poder enfocalo.

5. COMO O PRESENTO?
Tendo en conta que ten que incluir parte escrita (necesaria para avaliar a parte de lingua galega) poderedes escoller unha ou dúas maneiras de presentar o voso proxecto.
  • Traballo escrito a man en folios ou a ordenador nun procesador de textos (Word, Writer).
  • Mediante unha presentación de diapositivas (PowerPoint, Impress).
  • Creación de un vídeo ou grabación da vosa exposición mediante vídeo.
  • Lapbook, maqueta...

6. COMO O ENVÍO?
Se está feito a man poderedes tomarlle fotos ou facer un vídeo facendo unha exposición. Se está feito a ordenador gardades o documento. Fagádelo dunha maneira ou doutra, podédesme facelo chegar por correo electrónico a largalenguadelagartija@gmail.com ou por WhatsApp, como vos resulte máis sinxelo.


7. IMPORTANTE!: Son consciente da situación que estamos vivindo, apañádevos cos recursos que tedes por casa e se, por algunha razón xustificada, debo mover algunha data de entrega, todo é cuestión de que as vosas familias mo comenten polo grupo de Whatsapp.

APRENDAMOS DIVERTÍNDONOS! AQUÍ ESTOU, PARA O QUE PRECISEDES.





DÉIXOVOS AQUÍ PARA QUE CONSULTEDES UN EXEMPLO DE BOSQUEXO DUN POSIBLE PROXECTO




2 comentarios:

  1. Ola Alba bos días son Mateo P si nos deixa ver o bosquexo.
    Un saudo

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Moitas gracias! Agora penso que podedes ver todo. Eu tamén estou aprendendo de tecnoloxías...

      Eliminar